Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

15/09/2023 - Reunión sobre os criterios provisionais de admisión

As solicitudes de admisión serán priorizadas en función do expediente académico (50%) e a experiencia investigadora (50%) de entre aquel estudantado que conte cun anteproxecto de tese avalado por algún membro do persoal do Programa de Doutoramento.

 

Procedemento de admisión

O estudantado que reúna os requisitos de acceso e admisión poderán solicitar o ingreso neste programa de doutoramento, para o que se establecerá un prazo de preinscrición. Esta solicitude presentarase no lugar que sinale a convocatoria xeral da Universidade de Vigo.

Finalizado este prazo, a CAPD publicará a relación provisional de estudantado admitido, co seu correspondente listado da espera, de acordo cos criterios de selección establecidos no programa.

O estudantado non admitido poderá presentar unha reclamación no prazo e na forma establecidos na correspondente convocatoria. Unha vez transcorrido o prazo de reclamacións e xa resoltas, remitiráselle a relación do estudantado admitido ao órgano de xestión do estudantado correspondente, cos efectos de poder formalizar a súa matrícula no prazo sinalado. De non formalizar a súa matrícula, a persoa solicitante decaerá nos seus dereitos.

 

Matrícula a tempo completo e a tempo parcial

Tal e como indica a normativa, existen dous tipos de matrícula: a tempo completo e a tempo parcial. A Comisión Académica poderá autorizar estudos a tempo parcial que, neste caso, terán unha duración máxima de cinco anos, desde a admisión ata a presentación da tese de doutoramento. A matrícula a tempo parcial deberá ser solicitadoc ada curso académico á CAPD mediante a achega dos documentos xustificativos.

Para a condición do doutoramento a tempo parcial teranse en conta motivos de carácter laboral, familiar ou persoal.

  • Os motivos de carácter laboral comprenderán, preferentemente, situacións de carácter fixo ou estable, contratos temporais prolongados no tempo ou outras situacións que considere a CAPD.
  • Os motivos de carácter familiar ou persoal incluirán, entre outras situacións, a de dependencia, coidado de maiores ou fillos discapacitados e familia con fillos en idade escolar e situacións de violencia de xénero.
  • O estudantado cun grao de discapacidade superior ao 33 %, se o solicita e xustifícallo documentalmente á CAPD.

O cambio de modalidade de matrícula poderase solicitar nos períodos de matrícula común, condicionada polo informe favorable da CAPD.

A Comisión Académica tamén poderá autorizar baixas temporais no programa, para o que se deberá presentar unha solicitude xustificada que será avaliada por esta. Estas situacións serán, así mesmo, obxecto de consideración no plan de investigación do estudantado de doutoramento que se deberá adecuar a estas circunstancias. Esta comisión guiarase polo regulamento de estudos de doutoramento.

 

Estudantes con necesidades educativas específicas

No caso do estudantado con necesidades educativas específicas, a Universidade de Vigo, co ánimo de apoiar ao estudantado con algún tipo de necesidade educativa específica e fomentando unha igualdade completa de oportunidades e a súa completa integración puxo en marcha o Programa de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais (PIUNE) que contempla a atención, acollida e asesoramento polo Servizo de Extensión Universitaria en coordinación co gabinete psicopedagóxico da UVigo; soporte de estudo e acompañamento en actividades diversas polos/as voluntarios/as da Universidade de Vigo.

Así mesmo, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento analizará de forma particular os casos do estudantado con necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade e nomeará un titor/a para axudarlle a garantir a adquisición das competencias propias do nivel de doutoramento. Se é necesario a Comisión Académica recibirá un informe do titor/a e adaptará os servizos de apoio e asesoramento necesarios que avaliarán a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos.