Recursos materiais da Facultade

A Facultade de Ciencias da Educación de Ourense ocupa gran parte dun recinto universitario que inclúe amplas zonas verdes.
As edificacións para actividades docentes e de servizos distribúense en diversos edificios: o Edificio de Facultades, no que se atopan, entre outras instalacións, as aulas, laboratorios e servizos do Decanato; e os Pavillóns 1º e 2º, nos que se localizan os despachos do profesorado, así como seminarios e algúns laboratorios.

Os recursos da Facultade de Ciencias da Educación están ao dispor de todos os seus títulos, asignando a principio de curso os espazos específicos que se consideran adecuados, e facilitando a reserva daqueloutros que poden ser compartidos. Así mesmo, hai vontade por parte das entidades colaboradoras para facilitar aos doutorandos o uso dos seus equipamentos durante as estadías de intercambio, ou para a organización conxunta de actividades de formación no marco do programa de doutoramento.

A Facultade conta cun total de 26 aulas, 9 delas cunha capacidade entre 90 e 144 prazas.
As aulas de reducido tamaño, con material audiovisual e mobiliario totalmente renovado para un adecuado traballo pedagóxico, son as que se poden reservar oportunamente para actividades do máster e do doutoramento, con flexibilidade de apertura, incluso os sábados.
Todas as aulas contan con canón de proxección, computador e equipo de son, así como con conexión WIFI, que funciona en toda a contorna da facultade e do campus.
Tamén poden dispoñer, cando é necesario, doutros recursos audiovisuais como televisores, lectores de VHS e vídeo ou proxectores de transparencias.

O centro conta con diversas aulas especializadas, entre as que destacan a aula de plástica, a de música e a de de educación física e expresión corporal. Posúe, ademais, seminarios con finalidades concretas, como o seminarios de educación para a paz, o taller de antropoloxía, e a ludoteca.

O centro conta con numerosos laboratorios, entre os que destacan os seguintes:

  • tres laboratorios de ciencias e didáctica das ciencias
  • laboratorio de idiomas
  • laboratorio de audiovisuais, de edición de vídeo e de fotografía
  • laboratorio de tests
  • laboratorio de psicoloxía experimental

A maior parte destes espazos especializados posúen dotación informática e audiovisual completa.
O laboratorio de idiomas está situado nunha sala duns 70 m2. Está dotado con equipamento e material específico, contando ademais con 20 postos informáticos.
O Laboratorio de Tests está situado nunha sala duns 45 m2 con capacidade para uns 35 alumnos/ as. Conta con numerosas probas psicométricas e con programas de intervención psicopedagóxica en diferentes ámbitos.
O Laboratorio de Antropoloxía conta cunha sala, con capacidade para 25 alumnos, na que se atopan diferentes materiais relacionados coa Antropoloxía social e cultural.

Ademais dos postos incluídos no laboratorio de idiomas, existen varias aulas informáticas especializadas:

  • Aula de novas tecnoloxías, cunha extensión de 100 m2, que conta con 28 postos informáticos con conexión a Internet
  • Aula de informática (Docencia), duns 80 m2, con 40 postos informáticos e conexión a Internet. Ten instalado software estatístico específico para as materias de metodoloxía. A aula tamén é de libre acceso fora do horario de clases
  • Dúas aulas informáticas de libre acceso: unha duns 80 m2 con 28 postos; e outra, duns 150 m2, con 75 postos. Ambas as salas dispoñen de conexión a Internet e impresoras para que o estudantado imprima os seus traballos

Para a atención e o adecuado mantemento das aulas, a Universidade de Vigo contrata a bolseiros, estudantes con sólida formación no campo da informática e as novas tecnoloxías.
Por outra banda, como xa se indicou, todo o recinto universitario conta con conexión WIFI, dentro dos edificios e nos xardíns e zonas abertas exteriores.

Para o traballo en pequeno e mediano grupo, así como para reunións específicas do profesorado, o centro conta con 10 seminarios de diferentes tamaños e 4 salas de investigación.

  • Despachos: Todo o profesorado a tempo completo, con independencia da súa categoría, conta con despacho individual. Os docentes a tempo parcial sitúanse en despachos dobres. Todos os despachos están situados nos Pavillóns Concepción Ramón Amat e Olga Gallego
  • Sala de reunións e salón de graos, cun aforo de 20 e 40 persoas respectivamente
  • Sala multiusos, con 210 postos, con equipo especial de luz e de son, con conexións a Internet, e con gran versatilidade na configuración dos seus asentos e capacidade
  • Dúas salas de estudo diferenciadas: unha para o traballo individual silencioso; outra, separada da anterior, para traballos en grupo. A capacidade de ambas é duns 320 postos de estudo
  • Sala para a Delegación de estudantes da Facultade, que conta con equipamento informático. En edificio propio existen locais para as asociacións estudantís do campus
  • Espazos de custodia de materiais e traballos
  • Instalacións de apoio. Son espazos asociados ao Decanato, Unidade administrativa, Conserxería, Gabinete psicopedagóxico, Servizos comunitarios, Servizos de extensión cultural, Servizo e instalacións deportivas, Biblioteca de campus, etc.

A efectos de formación de doutores/as, o campus conta con instalacións no Parque Tecnolóxico de Galicia (a 10 quilómetros), pensadas inicialmente para o ámbito científico-tecnolóxico, pero que se abre ás Humanidades e Ciencias Sociais, despois de convencer aos xestores das utilidades que poden ter neste campo. Destaca, pois, a oportunidade de gozar do CITI (Centro de Investigación, Transferencia e Innovación) e dunha Oficina de apoio a I+D, con sede no Edificio Politécnico do campus, pero dedicada a todos os ámbitos científicos, para o asesoramento na presentación e xustificación de proxectos e para o apoio a grupos de investigación.

Accesibilidade
A facultade conta con todas as modificacións necesarias que garanten a accesibilidade: prazas de aparcamento reservadas para minusválidos físicos, servizos hixiénicos adaptados e sinalizacións en Braille nos ascensores.

Servizos do campus de Ourense

De acordo coa “Carta de Servizos” aprobada pola Comisión Xeral da Biblioteca Universitaria o día 14 de febreiro de 2008, a BUV ofrece os seguintes servizos:

1. Salas de lectura: para a consulta das coleccións da Biblioteca e para o estudo e a investigación, dotadas de equipamentos informáticos e rede wi-fi para o uso dos computadores portátiles.

  • Equipos para a reprodución de documentos, respectando a lexislación vixente
  • Coleccións de libros, revistas e documentos audiovisuais, así como de recursos electrónicos (e-revistas, e-libros e bases de datos en liña)
  • Catálogo dos fondos bibliográficos da BUV accesible a través de Internet que permite localizar as obras e recursos integrados nas coleccións, suxerir a compra de novos títulos, renovar préstamos e buscar a bibliografía recomendada nos programas docentes
  • Servizos bibliotecarios para o acceso ás coleccións bibliográficas préstamo a domicilio, préstamo intercampus, lectura en sala
  • Consulta remota dos recursos electrónicos contratados pola Biblioteca: bases de datos, revistas-e, libros-e e portais da internet
  • Préstamo interbibliotecario: localización e obtención de documentos non dispoñibles entre as coleccións xestionadas pola biblioteca
  • Orientación e formación no uso da Biblioteca e dos seus recursos tecnolóxicos e documentais
  • Asesoramento nas procuras e localización de información
  • Información bibliográfica e documental especializada e personalizada
  • Utilización das bibliotecas por persoas alleas á comunidade universitaria en calidade de usuarios externos autorizados

2. Recursos para a investigación:
2.1. Libros e monografías:

  • Bibliografía recomendada polo profesorado
  • Unhas 35.000 monografías especializadas
  • Uns 250 títulos de revistas científicas abertas
  • Uns 300 títulos de revistas científicas pechadas
  • Uns 3.000 títulos de revistas electrónicas a texto completo

2.2. Bases de datos. A Biblioteca ofrece acceso a 6 bases de datos en liña (CSIC, WOS, Scopus, Eric, PsycInfo, Teacher Reference Center) que permiten localizar a bibliografía de investigación máis actualizada. Unha elevada porcentaxe destas referencias contan co acceso ao texto completo.

2.3. Xestores bibliográficos. A Biblioteca dispón de dous xestores (Ednote e Refworks), dous programas que permiten ao investigador xestionar toda a bibliografía coa que traballa, ben de forma individual ou compartida. Tamén permite incluír as citas bibliográficas oportunas nos traballos de investigación que realiza.

2.4. Produción científica. O Catálogo da BUV inclúe un total de 12.180 rexistros de artigos de revistas, de capítulos de libros e de actas de congresos escritos polo PDI da Universidade de Vigo. De todos eles, 4.542 proporcionan o acceso ao texto completo.

2.5. Equipamento. Algúns dos principais equipamentos son:

  • 10 computadores para a consulta do catálogo
  • 8 computadores para consulta de libros electrónicos, revistas electrónicas e bases de datos
  • 380 postos de estudo
  • Fotocopiadora de autoservizo
  • Escáner A4

O Gabinete Psicopedagóxico do Campus de Ourense é un departamento destinado a ofrecer aos alumnos que o necesiten unha orientación e asistencia, ben sexa sobre aspectos estritamente académicos como noutros de tipo persoal. Así mesmo, organiza actividades que implican unha formación xeral como cidadáns/as, en cuestións transversais e solidarias.

O Programa de Apoio á Integración do Alumnado con Necesidades Especiais (PIUNE) foi deseñado para facilitar a súa vida académica e garantir o seu dereito ao estudo.

O Centro de Linguas (http://www.uvigo.es/areas/centrolinguas/index.gl.htm) durante o curso académico 2008/09 ofrece no campus de Ourense os seguintes cursos de idiomas: español para estranxeiros; inglés e inglés conversación; italiano; linguaxe de signos española e en linguaxe de signos española; e portugués intercomunicativo.

A OFOE, á que se pode acceder desde a ligazón http://www.fundacionuvigo.es/, constitúe un recurso que presta un servizo integral de información, asesoramento, orientación, formación e xestión en aspectos relacionados fundamentalmente coas saídas profesionais, as prácticas externas e o emprego. Co obxecto de facilitar a inserción laboral, esta oficina actúa para:

  • Promocionar un servizo integral de información, asesoramento e formación no ámbito da orientación profesional para o emprego
  • Contactar permanentemente cos axentes sociais, económicos e institucionais para coñecer a situación do mercado laboral
  • Fomentar as oportunidades de achegamento á práctica e ao exercicio profesional das universitarias/os
  • Facer de intermediario no mercado laboral e a demanda, mediante a xestión de prácticas e ofertas de emprego en empresas e institucións

As principais accións que se desenvolven son: a xestión de prácticas externas en empresas e institucións públicas e privadas, a xestión de ofertas de emprego, as accións formativas específicas para mellorar a empregabilidade, a orientación e asesoramento individualizado na procura de emprego, a información e asesoramento á empresa ou institución na procura do perfil universitario adecuado para a realización de prácticas e/ou selección para postos de traballo, e o deseño e posta en práctica de estudos sobre diversos temas relativos ao mercado de traballo e á inserción laboral das universitarias/os.

Os elementos craves da súa programación anual, que poden consultarse na ligazón http://vicou.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&ide=19&Itemid=37, son os seguintes:

  • Deseño e organización de talleres no 1º e 2º cuadrimestre
  • Colaboración na organización da MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario)
  • Colaboración na organización da MOTI (Mostra de Teatro Infantil)
  • Coordinación da programación das exposicións da sala universitaria Alterarte, e doutras propostas en espazos universitarios
  • Asesoramento e coordinación das asociacións estudantís do campus
  • Colaboración con entidades culturais locais, en actividades como os encontros literarios, o outono fotográfico, a bienal da caricatura, xornadas de banda deseñada, etc
  • Asesoramento a toda a comunidade universitaria na organización de calquera acto de carácter cultural

Ofrece unha ampla gama de actividades á comunidade universitaria a través de varios módulos, aos que se pode acceder desde a ligazón http://vicou.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=blogcategory&ide=15&Itemid=48.
Algunhas destas actividades son:

  • Escolas deportivas: remo, vela, aeróbic, aerobox, aquafitness, boxeo, capoeira, danza aeróbica e do ventre, ioga, karate, kickboxing, natación, pilates, rubby, squash, tai-chi, voleibol, wu-shu, xadrez, etc
  • Roteiros culturais e de contacto coa natureza
  • Ligas universitarias e deporte federado
  • Actividades formativas: cursos e conferencias

Revisión e mantemento de material e servizos

A Universidade de Vigo conta con diferentes servizos técnicos de mantemento e reparación, baixo a responsabilidade da Vicerreitoría con competencias en materia de infraestruturas, todos eles coordinados polo Comisionado do Departamento Técnico de obras, instalacións e infraestruturas.
Tamén existe un Servizo de Prevención de Riscos Laborais (http://www.uvigo.es/servicios/prevencion/index.gl.htm). Este servizo, ademais doutras funcións, imparte cursos de ortofonía para docentes.
O Vicerreitorado do Campus de Ourense coordina tamén outros labores de obras e mantemento de edificios, baixo a dirección e o asesoramento da Unidade Técnica.

A Facultade de Ciencias da Educación leva a cabo labores de conservación e adecuado mantemento de diferentes servizos e aparellos, desempeñando neste labor un papel destacado o Persoal de Administración e Servizos (PAS), tanto para a detección das deficiencias como para emendalas ou para avisar a diferentes profesionais ou empresas externas que se encargan do mantemento ou dos arranxos.

Previsión de adquisición de recursos e servizos

Tanto os recursos como os servizos dispoñibles considéranse apropiados e suficientes para a adecuada implantación e impartición do Título. O mesmo pode dicirse dos mecanismos para garantir a revisión e o mantemento deses recursos e servizos.

De forma periódica, analizaranse as necesidades de adquisición de novos recursos materiais e servizos, segundo as necesidades que se vaian detectando, de acordo cos procedementos do Plan de Calidade Interna implantado na Facultade de Ciencias da Educación.